No pasado mes de xullo dúas galegas, Lucía e Laura, fomos enviadas por Ticket2Europe (Pontevedra) para participar no curso de formación Breakout, financiado pola Unión Europea dentro do programa Erasmus +, organizado en Italia pola asociación Beyond Borders e impartido polo grupo estoniano Shokkin Group.

En que consistiu este training course? Pois nunha formación orientada ao deseño de escape rooms educativas, que puidesen ser implementadas doadamente en calquera contexto onde se traballe con xente nova (escolas, campamentos, asociacións…). O obxectivo era dobre: aprendermos a realizar os nosos propios xogos con contido pedagóxico orientados á xuventude, e conseguir que a través deles a mocidade das nosas comunidades de orixe desenvolvan certas habilidades sociais, como a empatía ou o razoamento crítico, á vez que aprenden sobre a temática da escape room que están xogando.

E alá fomos a estudar estas técnicas de motivación e transferencia do coñecemento da man de Pavel e Olalla, nun entorno illado do resto do mundo no medio da Apulia italiana. Eramos equipos diversos, tanto no tocante ás nosas nacionalidades, como ás idades e aos nosos backgrounds laborais e educativos. Participamos 27 persoas procedentes de sitios tan dispares e á vez tan próximos como Dinamarca, España, Estonia, Grecia, Polonia, Portugal e Rumanía. Traballamos intensamente durante cinco días para poder sacar adiante catro magníficas escape rooms sobre os seguintes temas: abuso de redes sociais, inmigración e racismo, pensamento crítico e saúde mental. Desde logo, foron temáticas que removeron moitas cousas en nós, e que de seguro seguirán a inspirar ás persoas que as vaian xogar nos vindeiros anos.

 

Precisamente, unha das grandes leccións que nos levamos do curso é que todos os coñecementos curriculares que se traballan nunha aula son susceptibles de ser aprendidos a través de puzzles e enigmas, pero tamén todo aquilo que non nos dá tempo moitas veces a ensinar de maneira pausada, como a responsabilidade cívica e social, a empatía, a solidaridade, a igualdade… Estas competencias para a vida, tan relevantes e indispensables, poden ser ademais transmitidas de maneira dinámica, proactiva e creativa. Menuda porta se nos abriu ante os ollos! Quedamos encantadísimas da experiencia e marabilladas co bo facer do equipo docente de Breakout e a dispoñibilidade dos nosos anfitrións italianos. Un hurra por tod@s el@s, por tod@s nós, e ata a próxima aventura!

Laura e Lucía
Participantes de «Breakout»
Xullo 2021

Ver video recap